viernes, 19 de agosto de 2016

Castros na Comarca de Barbanza



COMARCA DO BARBANZA


BOIRO

  • Castro do Achadizo: Habitado entre o s. IV a.C. e I d.C. Trátase dun castro costeiro desfigurado polas casas modernas que invaden gran parte do xacemento. Poden verse restos da muralla pétrea e das vivendas. As primeiras prospeccións foron da man de Vázquez Varela no ano 1984. Nas escavacións realizadas por Concheiro no 1991 saíron á luz cerámicas, restos de animais (ovellas, cabuxos, cans), un cuncheiro (mexilóns, ostras, ameixas) e varios útiles realizados con ósos de animais. Apareceron restos dun gato doméstico que sería o primeiro caso da Península. 
  • Castro do Coto do Espiño: Segundo noticias aparecidas o día 29 de maio de 2016, debido aunha tala de árbores nunha zona do monte de Moimenta, e segundo inspeccións oculares, saíu á luz un castro que, en palabras dos investigadores, pode ser espectacular, cunha muralla que, en principio, pode ter uns 50 metros de lonxitude.  
  • Castro de O Neixón Grande: Ocupado durante case mil anos, ente o s. IV a.C. e o IV d.C. Foi escavado por Cuevillas e Bouza Brey no 1926. Nel atopouse un aryballos (recipiente de vidro) púnico do s. V-IV a.C. As escavacións dos anos setenta e mediados dos noventa sacaron á luz novas estruturas. No ano 2003, o equipo dirixido por Xurxo Ayán conseguiu determinar a antigüidade do xacemento, destacando, ademais, que foi un asentamento de gran relevancia comercial. Estaba defendido por unha muralla perimetral e foxo exterior onde se atoparon cacharros cerámicos de orixe cartaxinesa, un cuncheiro con restos de moluscos, restos metalúrxicos e o enterramento dun can, posiblemente asociado a unha inhumación ritual. Os traballos realizados recentemente permiten falar de tres espazos ben delimitados. O primeiro sería o máis próximo á costa onde se atoparon medio cento de buratos que indicarían a existencia dunha estrutura feita con madeira que podería delimitar unha área de procesado de alimentos do tipo dun secadoiro de polbo ou peixe. Na segunda unha serie de aterramentos que cumprirían unha finalidade agro-gandeira. E por último, un espazo cercado destinado á estabulación do gando. Declarado Ben de Interese Cultural. 
  • Castro de O Neixón Pequeno: Parece ser que cando a construción do Neixón Grande este xa estaría abandonado. 
  • Castro Moureira: Situado nun esporón sobre a Ría de Arousa, conserva a muralla e vivendas circulares esparexidas polas diferentes terrazas. Unha pista, feita por unha madeireira, arrasou parte do perímetro.


POBRA DO CARAMIÑAL


  • Castro da Croa: Posúe un único recinto tirando a circular, cunhas dimensións de 65 x 68 metros. Croa arrodeada por fortes terrapléns en todo o seu perímetro. Sistema defensivo complementado por un parapeito e unha muralla pétrea.  
  • Castro de Punta Ostreira: Se o castro xa foi alterado de abondo cando a construción do convento franciscán de San Antonio do Xobre no século XV, no ano 2000 unhas palas destruíron parte das súa estrutura defensiva. Xa no ano 1978 a mesma empresa arrasou o interior do recinto castrexo cando a tala duns eucaliptos. Mais a historia volveu a repetirse no ano 2010 cando dúas máquinas escavadoras fixeron unha nova escachiza. A rápida intervención do alcalde e do concelleiro de Cultura non puido impedir a desfeita. A promotora das obras argumentou que estaba a realizar a limpeza do terreo, actuación, segundo informou o Concello, que carecía de permiso. En Punta Ostreira atópase tamén a capela de Santa Lucía, erixida sobre un túmulo, e un pavimento de cantos rodados con deseños circulares datados no século VII a.C. O castro xa sufrira outras agresións, como a construción da devandita capela e unhas escaleiras de acceso e a destrución dos muros da zona sur pola cerca do primitivo convento.



 RIANXO

Casco de Rianxo: Casco de Ouro do s. VI a.C. atopado por don Xosé Vicente Somoza na praia das Cunchas. Custodiado no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.

  • O Castriño: Moi alterado pola construción de casas. Adivíñase un parapeito terreiro.
  • Castro de Pelotiña: O 23 de marzo de 2014, Manuel Gago, no seu capítulocero, achega un castro inédito (mesmo di que lles "colou" aos redactores do PXOM). Di Gago que é o castro máis estragado co que se leva atopado. 

RIBEIRA


  • Castro da Cidá: Situado no cume dun monte dende o que se divisa unha ampla panorámica. Presenta unhas defensas formadas por terrapléns e pola disposición natural de grandes rochas que actuaban como murallas. Atopáronse restos cerámicos. Moi alterado pola extración de pedra e a tala de árbores nos anos oitenta. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey en Prehistoria e folklore do Barbanza onde recollen unha lenda que fala dos mouros. A segunda campaña de escavacións do ano 2015 serviu para constatar aspectos que xa se aprezaron na primeira, como o elevado grado de urbanización ou o contacto dos seus moradores con pobos do Mediterráneo. Os estudos tamén demostraron de que se trata dun dos castros máis antigos de Galicia, cunha ocupación entre os séculos VIII e VI a.C., na primeira Idade do Ferro. Os elementos recollidos para encargar as probas de C-14 foron moi diversos, hai restos interiores correspondentes a un par de cabanas, terra de áreas exteriores de paso dos habitantes do lugar, estuturas de combustión e un anaco de cerámica en cuxo interior se atoparon restos orgánicos. 
  • Castro de Porto de Baixo: Descuberto no ano 1978 cando se facían extraccións ilegais de area. Os restos das súas murallas foron utilizadas na construción de vivendas. Habitado entre os séculos IV e II a.C., estaba protexido polo mar e, na parte máis vulnerable, por dúas murallas paralelas. No interior do recinto pódense ver restos dalgunhas construcións.
(A información e as fotos son xentileza de Javier Crugeiras Sampedro, sacadas da súa páxina San Paio de Carreira).

No hay comentarios: